My glass shall not persuade me I am old,
So long as youth and thou are of one date;

W. Shakespeare, Sonnet XXII

Benvidos

Esta páxina é a porta de acceso a diversos proxectos que tratan, en xeral, da informática e da ensinanza da lingua inglesa, á que me dedico profesionalmente. O meu interese pola informática ven de lonxe, e naceu da necesidade de facer que as miñas computadoras se comportasen de xeito razoablemente predicible e fiable. O meu empeño levoume a descubrir o software libre e o sistema operativo GNU/Linux, que uso habitualmente e que responde plenamente a esa necesidade xurdida hai xa moitos anos, cando as computadoras aínda non tiñan fiestras.

Por que uso software libre?

Velaquí algunhas razóns:

  1. Porque me permite dispor libremente dos meus documentos e datos sen depender de que unha empresa privada teña a chave para acceder a eles.
  2. Porque fomenta a colaboración entre as persoas e a creación de comunidades solidarias.
  3. Porque continúa a tradición científica e humanística que promove a difusión xeral do coñecemento, opoñéndose a súa mercantilización. Existiría o noso mundo se Pitágoras tivese patentado o seu teorema?
  4. Porque outorga aos usuarios corporativos e ás administracións públicas o control do software e a capacidade de adaptalo ás súas necesidades dándolles a independencia tecnolóxica que axude aos países en desenvolvemento a superar a brecha dixital.
  5. Porque fomenta a creación dunha industria local de servizos informáticos e desenvolvemento de software.
  6. Porque o sistema GNU/Linux é robusto, fiable, menos vulnerable a virus e outros patóxenos, facilmente actualizable por internet e completamente configurable e personalizable ao meu gusto.
  7. Porque hai moitísimas aplicacións gratuítas que supoñen un importante aforro en licencias e actualizacións.

Proxectos vellos