Math

Math é un editor de fórmulas matemáticas que pode usarse independentemente, gardando as fórmulas en formato de OpenDocument con extensión .odf, ou pode abrirse desde outras aplicacións de OpenOffice.org para inserir unha fórmula nun documento de texto, nunha folla de cálculo ou nunha presentación.

1. A interface gráfica

Fig. 1. Interface gráfica de Math.

Fig. 1. Interface gráfica de Math.

Na ilustración superior aprécianse os seguintes elementos da interface gráfica de Math: barra de menús, barra Estándar, barra Ferramentas, área de visualización da fórmula, ventá Selección e a ventá Comandos.

A ventá Selección divídese en dúas partes. Ao premer nun símbolo na parte superior da ventá, móstranse na metade inferior os símbolos subordinados que podemos seleccionar para compoñer a fórmula. A ventá Comandos pode empregarse para escribir rapidamente a fórmula na linguaxe de OpenOffice.org Math.

Subir

2. Crear fórmulas coa ventá de selección

Para crear unha fórmula usando a ventá Selección debemos representarnos a súa estrutura xerarquicamente e ir facendo a selección cara abaixo desde a cima da xerarquía. Para crear, por exemplo, a fórmula da figura 2:

Fig. 2. Fórmula.

Fig. 2. Fórmula.

debemos representárnola mentalmente como na figura 3:

Fig. 3. Estrutura xerárquica da fórmula da fig. 2.

Fig. 3. Estrutura xerárquica da fórmula da fig. 2.

Procederíamos do modo seguinte:

  1. Crear unha igualdade.
  2. Cambiar o termo esquerdo por unha fracción.
  3. Poñer uns parénteses de agrupamento ao redor do numerador para que os sumandos do paso seguinte queden no seu sitio.
  4. Cambiar o numerador por unha suma.
  5. Cambiar o primeiro sumando por unha base cun expoñente.
  6. Cambiar o segundo termo da igualdade por una resta.

Tralos pasos precedentes a estrutura da fórmula queda completa e se mostra así:

Fig. 4. Creación da fórmula da fig. 2 usando a ventá Selección.

Fig. 4. Creación da fórmula da fig. 2 usando a ventá de selección.

Para terminar, só resta seleccionar sucesivamente cada comodín e teclear o valor ou expresión que deba substituílo.

Subir

3. Suma, multiplicación, fraccións e agrupamento

Para comezar a práctica proba a escribir esta suma de fraccións:

Fig. 5. Suma de fraccións.

Fig. 5. Suma de fraccións.

Para crear a estrutura da fórmula na ventá Selección, debes empezar polo máis xeral e ir perfilando aos poucos os detalles.

  1. Abre OpenOffice.org Math.
  2. A fórmula é unha igualdade dobre: por tanto preme en Relacións e logo dúas veces sobre o símbolo É igual a. No documento empezarase a escribir a fórmula, e na fiestra de comandos irá aparecendo a codificación da fórmula na linguaxe de OpenOffice.org Math.
  3. O termo esquerdo da igualdade é unha suma: selecciónao (fai dobre clic sobre o cadradiño que o representa para que apareza resaltado na ventá Comandos), preme en Operadores unarios/binarios en logo en + de suma.
  4. Cada sumando é unha fracción: selecciónaos sucesivamente e preme en División (fracción). Xa temos rematada a estrutura do primeiro termo da igualdade. Agora selecciona cada cadradiño e teclea o número correspondente.
  5. Selecciona o termo medio da igualdade e aplica o símbolo de División (fracción). Para que as operacións que imos escribir a continuación na fracción permanezan no seu sitio, hai que seleccionar Parénteses e aplicar Parénteses de agrupamento a cada comodín de a fracción.
  6. Selecciona o comodín do numerador, transfórmao nunha suma, e logo cada sumando, nunha multiplicación. Substitúe os comodíns polos números.
  7. Transforma o denominador nunha multiplicación e substitúe os comodíns polos números.
  8. Desenvolve o terceiro termo da igualdade de modo similar e garda a fórmula.
Subir

4. Subíndices e superíndices

Para practicar os subíndices e superíndices, escribe agora a fórmula xeral das funcións polinómicas:

Fig. 6. Fómula xeral das funcións polinómicas.

Fig. 6. Fómula xeral das funcións polinómicas.

  1. Empeza creando a igualdade: preme en Relacións e logo en É igual a.
  2. Selecciona o segundo comodín da igualdade (fai dobre clic sobre o cadradiño), preme en Operadores unarios/binarios e pulsa catro veces no símbolo Suma.
  3. Selecciona sucesivamente cada termo da suma menos o terceiro, preme en Formatos e selecciona Subíndice dereita. Selecciona o terceiro termo da suma, preme en Outros e logo en Puntos ao centro.
  4. Fai clic no primeiro e segundo signo + sen seleccionalo (o cursor da ventá Comandos debe situarse diante do signo), preme en Formatos e aplica Superíndice dereita. Fai clic no último signo + e teclea x. Fai clic no signo = e teclea (x).
  5. A estrutura xa está lista: selecciona cada comodín e teclea a expresión que deba substituílo.
Subir

5. Sumatorio

Proba agora a representar a mesma fórmula da fig. 6 empregando un sumatorio:

Fig. 7. Sumatorio.

Fig. 7. Sumatorio.

  1. Empeza tamén creando a igualdade.
  2. Selecciona o segundo termo da igualdade, preme en Operador e aplica primeiro o símbolo Suma e seguidamente o símbolo Límites superior e inferior.
  3. Pulsa sobre o último comodín sen seleccionalo, preme en Formatos e aplica Subíndice dereita. Selecciona agora o último comodín e aplica Superíndice dereita.
  4. A estrutura xa está lista: selecciona cada comodín e teclea a expresión que deba substituílo.
Subir

6. Límites e parénteses

Escribe agora a definición do número e:

Fig. 8. O número e.

Fig. 8. O número e.

  1. Como sempre, empeza pola igualdade.
  2. Co primeiro termo seleccionado, pulsa e. Selecciona o segundo termo, preme en Operador, aplica o símbolo Límites e logo o símbolo Límite inferior.
  3. Co comodín pequeniño seleccionado, preme en Relacións e aplica o símbolo Cara a. Co primeiro comodín pequeniño seleccionado, pulsa n para pór n á esquerda da frecha.
  4. Selecciona o outro comodín pequeniño, preme en Outros e aplica o símbolo Infinito. Selecciona o comodín, preme en Formatos e aplica o símbolo Superíndice dereita.
  5. Co comodín grande seleccionado, preme en Parénteses e aplica o símbolo Parénteses escalables. Selecciona Operadores unarios/binarios e logo + de suma.
  6. Selecciona o segundo comodín grande e aplica o símbolo División (fracción). Para rematar, selecciona os comodíns e teclea os valores correspondentes.
Subir

7. Símbolos, letras gregas e raíces

Escribe a fórmula da desviación típica:

Fig. 9. A fórmula da desviación típica.

Fig. 9. A fórmula da desviación típica.

  1. Empeza pola igualdade, selecciona o primeiro termo, preme no botón Catálogo da barra Ferramentas, en Catálogo de símbolos selecciona Grego, selecciona σ, pulsa Inserir e Pechar.
    Consello

    O catálogo de símbolos pode personalizarse con novos conxuntos e caracteres. Os símbolos poden inserirse directamente na ventá de comandos escribindo o seu nome precedido de %.

  2. Selecciona o segundo termo, preme en Funcións e selecciona Raíz cadrada.
  3. Pulsa no comodín, de xeito que o cursor da ventá de comandos se sitúe diante de <?> sen seleccionalo, e pulsa Operadores binarios/unarios e selecciona División (fracción). Selecciona o numerador e teclea 1, logo selecciona o denominador e teclea N.
  4. Selecciona o comodín, preme en Operadores e selecciona primeiro Suma e logo Limite superior e inferior. Selecciona o límite inferior e teclea i=1 e logo selecciona o límite superior e teclea N.
  5. Selecciona o comodín, preme en Funcións e selecciona Potencia. Selecciona a base, preme en Parénteses e selecciona Parénteses. Preme en Operadores binarios/unarios e selecciona Resta -. Preme en Formatos e selecciona Subíndice á dereita.
  6. Selecciona o subtraendo, preme en Atributos e selecciona Liña superior. Agora só queda seleccionar cada comodín e teclear o seu valor.
Subir

8. Integrais

Escribe a fórmula da área dun semicírculo de radio 1:

Fig. 10. Área dun semicírculo de radio 1.

Fig. 10. Área dun semicírculo de radio 1.

  1. Comeza pola igualdade, selecciona o primeiro termo, preme en Operadores e selecciona primeiro Integral e logo Límite superior e inferior. Selecciona o límite inferior e teclea -1; selecciona o límite superior e teclea 1.
  2. Pulsa no comodín da integral sen seleccionalo, de xeito que na ventá de comandos o cursor aparece diante de <?>. Preme en Funcións e selecciona Raíz cadrada. Preme en Operadores unarios/binarios, selecciona Resta - e teclea 1.
  3. Selecciona o comodín á dereita do signo -, preme en Funcións e selecciona Potencia. Teclea x, selecciona o expoñente e teclea 2. Selecciona o comodín fóra da raíz e teclea dx.
  4. Selecciona o comodín, preme en Operadores unarios/binarios e selecciona División (fracción). Teclea %pi, selecciona o denominador e teclea 2.
Subir

9. Crear fórmulas na ventá de comandos

Como terás observado, a medida que vas seleccionando símbolos na ventá de selección, na ventá de comandos vaise escribindo a fórmula na linguaxe de OOo Math. Se tes que escribir moitas fórmulas, págache a pena aprender os comandos máis usados e escribir a fórmula directamente na ventá de comandos. Por exemplo:

Fórmula Comandos Notas
Fórmula y = ax^2 + bx + c O símbolo ^ introduce un expoñente.
Fórmula x_1 + x_2 = 0 O guión baixo introduce un subíndice.
Fórmula 2 over 4 = 1 over 2 O comando over crea una fracción.
Fórmula y = {x + 1} over 2 Os corchetes úsanse para agrupar.
Fórmula sen 45º = sqrt 2 over 2 O comando sqrt crea una raíz cadrada.
Fórmula 2 %pi r As letras gregas e demais símbolos insírense polo seu nome precedido do símbolo de porcentaxe.
Fórmula left [ matrix { a_1^1 # a_1^2 # a_1^3 ## a_2^1 # a_2^2 # a_2^3 ## a_3^1 # a_3^2 # a_3^3 } right ] Por medio da ventá de selección só podemos crear matrices de dúas filas por dúas columnas; para engadir máis filas e/ou columnas temos que usar a ventá de comandos: un só símbolo # separa columnas; dous símbolos ## separan as filas.

Para aprender a usar os comandos, abre a axuda de OOo Math e consulta os Exemplos de OpenOffice.org Math e as Táboas de referencia de fórmulas.

Subir

10. Personalizar os catálogos de símbolos: fórmulas químicas

A modo de exemplo imos ampliar o catálogo de símbolos de OOo Math para poder escribir as fórmulas da táboa inferior. Necesitaremos ter instalada unha tipografía Unicode cun repertorio extenso de caracteres, como DejaVu Sans ou Lucida Sans Unicode.

  1. Preme no botón Catálogo da barra Ferramentas: abrirase a ventá Símbolos. Preme no botón Editar para abrir o cadro Editar símbolos.
  2. Para crear o símbolo da reacción reversible, insire Símbolo ReaccionReversible e Conxunto de símbolos Química, selecciona Tipo de letra Lucida Sans Unicode e Subconxunto Frechas. A continuación selecciona o símbolo apropiado (o carácter U+21C4: ⇄). Pulsa Engadir para engadir o símbolo e deixa o cadro aberto.
  3. Para crear o símbolo do enlace horizontal, insire Símbolo EnlaceH e Conxunto de símbolos Química, selecciona Tipo de letra Lucida Sans Unicode e Subconxunto Debuxo de caixa. A continuación selecciona o símbolo apropiado (o carácter U+2500: ─). Pulsa Engadir para engadir o símbolo e deixa o cadro aberto.
  4. Para crear o símbolo do enlace vertical, insire Símbolo EnlaceV e Conxunto de símbolos Química, selecciona Tipo de letra Lucida Sans Unicode e Subconxunto Debuxo de caixa. A continuación selecciona o símbolo apropiado (o carácter U+2502: │). Pulsa Engadir para engadir o símbolo e Aceptar para aceptar os cambios e pechar o cadro.

No cadro Símbolos selecciona Conxunto de símbolos Química e verás os símbolos que acabas de engadir. Xa podes crear estas fórmulas:

Fórmula Comando
Fórmula de reacción reversible nitalic { CO_2 + H_2O %ReaccionReversible H_2CO_3 }
Fórmula dun alcohol terciario nitalic { R_1 %EnlaceH stack { R_2 # %EnlaceV # C # %EnlaceV # R_3 } %EnlaceH OH }
Subir