Impress
Impress
Impress é o programa de presentacións da suite OpenOffice.org. Unha presentación é unha serie de diapositivas ou transparencias que se proxectan sobre unha pantalla para servir de apoio visual a unha charla ou conferencia, á presentación dun produto comercial, etc. Impress permite crear presentacións en formato dixital que se proxectan directamente desde un ordenador por medio dun proxector dixital. É compatible con Microsoft Powerpoint.
N. B. Recoméndase estudar primeiro a páxina de Writer, xa que aquí non se dan instrucións detalladas de operacións comúns xa explicadas nesa páxina. Recoméndase tamén o estudio da páxina de Calc para as gráficas de datos e a de Draw para os obxectos de debuxo.
1. Unha presentación sinxela
- Preparación. Descarga e descomprime o ficheiro Praias.zip.
- O asistente de presentacións. Abre o programa desde o menú do escritorio. De modo predefinido Impress ábrese co Asistente de presentacións. No cadro 1, selecciona Tipo Presentación baleira e pulsa Seguinte. No cadro 2, selecciona Estilo de diapositiva Fondos para presentacións / Dark Blue with Orange; como Medio de saída selecciona Pantalla e pulsa Seguinte. No cadro 3 deixa a selección predefinida e pulsa Crear.
- A interface gráfica. Observa a ventá principal coa barra de menús, as barras Estándar, Presentación e Liña e enchemento, o panel de Diapositivas, a área de traballo, o panel de Tarefas (cos subpaneis de Páxinas principais, Deseños, Animación personalizada e Transición de diapositivas), a barra de Debuxo e a barra de estado.
- Diapositiva de título. A presentación nova créase cunha diapositiva en branco do estilo seleccionado polo asistente. Fai clic sobre o deseño Diapositiva de título, no cadro superior escribe Praias de Galicia, e no cadro inferior copia e pega o texto seguinte.
Datos tomados de Turgalicia
http://www.turgalicia.es/ - Esquemas. Pulsa no menú Inserir > Diapositiva (ou no botón correspondente da barra de Presentación), aplica o deseño Título, texto, escribe o título Praias de Galicia e copia e pega o texto seguinte no cadro de texto.
Por todo o litoralPulsa a tecla do tabulador ao inicio dos elementos 2, 3, 5 e 6 para axustar os niveles do esquema.
476 praias catalogadas
102 praias con bandeira azul
Para todos os gustos
Praias protexidas dentro das rías para vacacións en familia
Praias abertas de augas bravas para surfistas - Inserir imaxes. Engade unha diapositiva nova, aplica o deseño Título, texto, imaxe predeseñada, ponlle de título Praia de A Lanzada, e copia e pega o texto seguinte no cadro de texto.
En O Grove (Pontevedra)Fai dobre clic no cadro da a imaxe e engade a foto da praia.
Bandeira azul
Praia aberta
Area fina
2.300 metros
- Engade unha diapositiva nova, aplica o deseño Título, texto, imaxe predeseñada, ponlle de título Praia América, e copia e pega o texto seguinte no cadro de texto.
En Nigrán (Pontevedra)Fai dobre clic no cadro da a imaxe e engade a foto da praia.
Bandeira azul
Praia protexida
Area fina
1.400 metros
- Engade unha diapositiva nova, aplica o deseño Título, texto, imaxe predeseñada, ponlle de título Praia de A Frouxeira, e copia e pega o texto seguinte no cadro de texto.
En Valdoviño (A Coruña)Fai dobre clic no cadro da a imaxe e engade a foto da praia.
Bandeira azul
Praia aberta
Arena fina
3.500 metros
- Formato de carácter. Engade unha diapositiva nova, aplica o deseño Diapositiva de título, ponlle de título Praias de Galicia, e como texto escribe FIN. Selecciona o texto e axusta o tamaño a 96 pt con estilo Negra. Fai clic co botón dereito, selecciona Carácter, abre o separador Posición e aplica Espazamento Expandido de 12 pt.
- Aliñamento. Usa o botón Aliñamento da barra de Debuxo para aliñar as fotos verticalmente.
- Espazo sen quebras. Para que o nome A Coruña quede xunto, borra o espazo entre as dúas palabras e selecciona o menú Inserir > Marca de formato > Espazo sen quebras, ou pulsa Ctrl+Espazo.
- Visualizar a presentación. Vai á primeira diapositiva e pulsa F5 para iniciar a presentación. Durante a presentación pulsa a Espazo, Entrar ou AvPáx para pasar á diapositiva seguinte; pulsa RePáx para retroceder; e pulsa Esc para rematar. O resultado debe ser similar a este: Praias-1A.odp.
2. Personalizar a presentación
- Abre esta presentación: Praias-1A.odp.
- Páxinas principais. Abre o subpanel Páxinas principais, fai clic nas diversas páxinas principais e observa os cambios no fondo e nos estilos de texto. Pulsando co botón dereito sobre unha páxina principal, podes elixir entre aplicala ás páxinas seleccionas ou a todas as páxinas da presentación. Aplica a páxina principal Predefinida a todas as páxinas da presentación.
Unha páxina principal é unha diapositiva que se usa como base doutras diapositivas. É similar a un estilo de páxina de Writer: controla o formato básico de todas as diapositivas baseadas nela. Unha presentación pode ter máis dunha diapositiva principal. O nome da páxina principal aplicada á diapositiva actual móstrase na esquina inferior dereita da barra de estado.
O termo estilo de diapositiva úsase como sinónimo de diapositiva principal. O menú Formato > Estilo de diapositiva, ademais de permitir cambiar a páxina principal das diapositivas, permite cargar outras páxinas desde ficheiros externos.
- Cor de fondo. Pulsa no menú Formato > Páxina e no separador Fondo aplica cor Azul mariño para todas as páxinas.
- Estilos de presentación. Modifica os estilos de presentación: Título con tipografía Bitstream Vera Sans de cor amarela, subliñada e aliñada á esquerda; Subtítulo con tipografía Bitstream Vera Serif de cor branca; Esquema1 con tipografía Bitstream Vera Serif de cor branca coas viñetas de todos os niveis de cor branca (no separador Personalizar selecciona Nivel 1-9 e Cor Branco).
Os estilos de presentación defínense para cada páxina principal, de xeito que a aparencia do texto e o fondo cambian ao cambiar esta páxina. En certo modo, son similares aos estilos de parágrafo de Writer. Poden personalizarse, pero, a diferencia destes últimos, non se poden crear novos.
- Modificar a páxina principal. Pulsa no menú Ver > Principal > Diapositiva principal para modificar o deseño do fondo. Encolle un pouco a área de título pola dereita para facerlle sitio ao debuxo dun sol. Encolle un pouco por abaixo a área principal, despraza un pouco cara arriba as tres áreas do pé de páxina e encólleas un pouco verticalmente.
- Abre o submenú do botón Símbolos da barra de Debuxo e selecciona Sol. Pulsando a tecla Maiúsculas traza o debuxo do sol na esquina superior dereita. Pulsa sobre o botón Rectángulo e traza un rectángulo fino a modo de base da diapositiva. Faino máis fino desprazando a agarradoira central mentres pulsas Ctrl para redimensionalo libremente. Selecciona o rectángulo e o sol facendo clic sobre eles coa tecla de Maiúsculas pulsada, e na barra de Liña e enchemento aplica estilo de liña invisible e cor do enchemento amarela. Por último, pulsa o botón Pechar visualización principal.
- Garda a presentación. Debería quedar máis ou menos así: Praias-1B.odp.
3. Crear e usar modelos
- Abre esta presentación: Praias-1B.odp.
- Gardar como modelo. Gárdaa como modelo para poder reutilizala. Pulsa no menú Ficheiro > Modelos > Gardar. No cadro de diálogo selecciona a categoría Fondos para presentacións, dálle o nome Sol e mar e pulsa Aceptar.
- Editar modelos. Pecha o documento aberto e selecciona o menú Ficheiro > Modelos > Organizar. Busca o modelo Sol e mar na categoría Fondos para presentacións, fai clic co botón dereito e selecciona Editar. Abre o separador Clasificador de diapositivas (enriba da regra horizontal), selecciona todas as diapositivas menos a primeira e pulsa Supr para eliminalas. Pulsa no separador Normal para volver á vista normal. Pulsa Ctrl+A para seleccionar todo o contido da diapositiva e Supr para eliminalo. Garda e pecha o modelo.
- Crear unha presentación coa páxina principal do modelo. Crea unha nova presentación, selecciona o novo fondo na segunda pantalla do asistente e pulsa Crear. Crearase unha presentación baleira con Sol e mar como páxina principal. Esta páxina principal está dispoñible para calquera presentación no subpanel de Páxinas principais.
4. Gráficas, transicións e animacións
- Abre esta presentación: Praias-1B.odp.
- Gráficas. Engade unha diapositiva nova despois da número 2. Aplica deseño Título, gráfica e ponlle como título Distribución provincial.
- Datos da gráfica. Fai dobre clic sobre o cadro da gráfica para editala. Preme no botón Tipo de gráfica, selecciona Sectores e pulsa Aceptar. Preme no botón Datos da gráfica, deixa tres filas e dúas columnas e introduce os datos: A Coruña, 225, Lugo, 44, Pontevedra, 191. Pecha o cadro.
- Título. Fai clic na Área da gráfica co botón dereito, selecciona Propiedades do obxecto, no separador Área selecciona Cor Azul mariño e pulsa Aceptar. Selecciona o menú Inserir título, escribe Título Praias de Galicia e pulsa Aceptar. Fai clic co botón dereito sobre o título, selecciona Propiedades do obxecto, abre o separador Caracteres e selecciona Bitstream Vera Serif de 28 pt, abre o separador Efectos do tipo de letra e selecciona Cor do tipo de letra Branco e pulsa Aceptar.
- Serie de datos. Fai clic nun sector co botón dereito, selecciona Propiedades do obxecto, abre o separador Bordos e selecciona Cor Branco, abre Caracteres e selecciona Bitstream Vera Serif de 20 pt, abre Efectos de tipo de letra e selecciona Cor do tipo de letra Branco, abre Etiquetas de datos, selecciona Mostrar variable como número e Mostrar texto da etiqueta e pulsa Aceptar. Abre o menú Inserir > Lenda e desactiva a caixa de verificación Mostrar lenda. Fai clic na Gráfica e move cara abaixo o cadriño de control verde para separalo un pouco máis do título. Pulsa Esc dúas veces para rematar.
- Fontwork. Vai á derradeira diapositiva, elimina a palabra FIN e escolle o deseño Só título. Pulsa o botón Galería de Fontwork da barra de Debuxo e fai dobre clic no primeiro estilo. Preme no botón Forma Fontwork da barra de Fontwork e selecciona a terceira forma. Fai dobre clic sobre o obxecto para cambiar o texto: borra o texto predefinido, aplica letra Bitstream Vera Serif negra e escribe FIN. Pulsa Esc para rematar a edición do texto, preme no botón Espazamento entre caracteres Fontwork e selecciona Separado.
- Transición de diapositivas. Abre o subpanel Transición de diapositivas e aplica para probar unha transición diferente a cada diapositiva, por exemplo: Cuña, Revelar cara á dereita, Varrido cara á esquerda, Cubrir cara abaixo, Empurrar cara arriba, Xirar en sentido horario, 1 raio e Dividir verticalmente cara a dentro.
- Animación personalizada. Abre o subpanel Animación personalizada e aplica animacións diversas ás fotos e á palabra FIN, por exemplo: Xurdir, Espiral cara a dentro, Flotar e Catavento. Nos catro casos activa Iniciar co anterior. Para cada efecto selecciona Iniciar Co anterior para que os obxectos aparezan automaticamente. O resultado debe ser como este: Praias-1C.odp.
