Draw

Draw é unha ferramenta de edición de gráficos vectoriais. Está perfectamente integrada na suite OpenOffice.org, o que fai que intercambiar gráficos entre as aplicacións da suite resulte moi sinxelo. Por exemplo, podes crear un debuxo en Draw e copialo e pegalo en Writer, Calc ou Impress. Tamén podes traballar con gráficos directamente en Writer e Impress usando un subconxunto das funcións e ferramentas de Draw.

N. B. Recoméndase estudar primeiro a páxina de Writer, xa que aquí non se dan instrucións detalladas de operacións comúns xa explicadas nesa páxina.

1. Formas e funcións básicas

  1. A interface gráfica. Abre o programa desde o menú do escritorio. Observa a ventá principal coa barra de menús, as barras Estándar e Liña e enchemento, o panel de Páxinas, o espazo de traballo coas regras horizontal e vertical e os separadores de capas, a barra de Debuxo e a barra de estado. Axusta o zoom á largura da páxina. Pulsa + ou - para variar o factor de zoom.
  2. Liñas. Pulsa no botón Liña da barra de Debuxo: observa que o punteiro do rato cambiou de forma e que a súa posición indícase nas regras vertical e horizontal. Traza unha liña desde o punto (1,1) ao punto (8,1). Usando os botóns da barra de Liña e enchemento, cambia o estilo de frecha, o estilo de liña, o grosor e a cor da liña.
  3. Desprazar e cambiar de tamaño. Opcións da grade e axuste. Arrastra a agarradoira pequena da dereita ata o punto (8, 4) e observa que o desprazamento vai a saltos: isto ocorre porque, de xeito predefinido, está activada a opción de axustar á grade (cuadrícula). Abre a barra de Opcións (menú Ver > Barras de ferramentas > Opcións) e pulsa o botón Mostrar grade: verás unha cuadrícula que por defecto ten unha resolución horizontal e vertical de 1 cm cun punto de subdivisión. Isto fai que a posición e o tamaño se axusten a saltos de 0,5 cm, o que fai doado o posicionamento exacto dos obxectos. Por último despraza o extremo esquerdo ao punto (1,4) e despraza a frecha enteira 3 cm cara arriba ata a súa posición orixinal.
    Consello

    Pulsa a tecla Ctrl para desactivar momentaneamente o axuste dos obxectos á grade e outros elementos de axuste (marxes, guías, bordos e puntos doutros obxectos).

    Consello

    Cambia a cor da grade para vela mellor. Selecciona Ferramentas > Opcións > OpenOffice.org > Aparencia. Na táboa de Cores personalizadas busca a sección Debuxo/Presentación, selecciona Grade Negro e pulsa Aceptar.

  4. Rectángulos e desprazamento guiado. Pulsa o botón Rectángulo da barra de Debuxo e traza un rectángulo entre os puntos (10,2) e (17,4). Usando os botóns da barra de Liña e enchemento, cámbialle o grosor e a cor do contorno e a cor do enchemento, e engádelle unha sombra. Despraza o rectángulo debaixo da liña. Desfai o desprazamento, pulsa o botón Guías ao mover da barra de Opcións e observa como ao volver desprazar o rectángulo aparecen unhas guías que facilitan a operación.
  5. Cadrados, elipses e círculos. Debaixo do rectángulo traza un cadrado de 4 cm de lado como se trazases un rectángulo pero mantendo a tecla Maiúsculas pulsada mentres o trazas. Agora traza unha elipse e un círculo de 4 cm de altura á dereita do cadrado.
    Consello

    Pulsar a tecla Maiúsculas ao crear un obxecto fai que a súa largura e altura sexan iguais.

  6. Triángulos. Debaixo do cadrado traza un triángulo isósceles. Observa que esta figura ten un punto amarelo que serve para axustar a inclinación. Traza á dereita outro triángulo isósceles. Para convertelo nun triángulo equilátero a altura debe ser igual ao lado multiplicado por sen 60º (≅ 0,866): abre o menú contextual do obxecto (pulsa o botón dereito do rato), selecciona Posición e tamaño e axusta á largura a 5 cm e a altura a 4,33 cm.
  7. Rotación. Rota o triángulo para comprobar que se trata efectivamente dun triángulo equilátero. Pulsa no botón Efectos > Rodar da barra de Debuxo e observa que os puntos de control cambian á cor vermella. Observa tamén que o centro de rotación aparece no centro do marco no que está inscrito o triángulo, que non é o centro do triángulo. Arrastra o centro de rotación un pouquiño cara abaixo para situalo aproximadamente do centro do triángulo. Por último rota o triángulo xirando un dos puntos de control das esquinas.
  8. Traza un hexágono debaixo do triángulo isósceles e axusta á largura a 5 cm e a altura a 4,33 cm para ter un hexágono regular. Rótao sobre o seu centro e comproba que é efectivamente un hexágono regular. Pulsa a tecla Maiúsculas para rotalo a saltos de 15º. Desfai a rotación.
  9. Selección e aliñamento dun obxecto. Fai clic sobre o triángulo equilátero para seleccionalo. Pulsa sobre o botón Aliñamento da barra de Debuxo e cando apareza un submenú, despréndeo da barra arrastrándoo pola parte superior: se trata da barra de Aliñar. Preme nos botóns correspondentes desta barra para situar o triángulo na esquina superior dereita.
  10. Selección e aliñamento múltiple. Selecciona o círculo e desprázao á dereita do hexágono. Pulsa Maiúsculas e fai clic no hexágono para engadilo á selección.
    Consello

    A clase e número de elementos seleccionados indícase na barra de estado.

    Consello

    A selección tamén se pode facer, co botón Seleccionar da barra de Debuxo activado, trazando un marco co punteiro do rato no que queden inscritos por completo os obxectos desexados.

    Pulsa Esc para desfacer a selección e volve facela trazando un marco en torno ao hexágono e mailo círculo. Pulsa nos botóns de Centro (vertical) e Centrado (horizontal) da barra de Aliñar.
  11. Disposición de obxectos e selección de obxectos ocultos. O círculo queda oculto polo hexágono, que foi creado despois. Para seleccionar só o círculo, hai que recorrer todos os obxectos pulsando sucesivamente o Tabulador ata chegar ao círculo. Desprega o submenú do botón Dispor da barra de Debuxo e sepárao un pouco: convértese na barra Posición. Preme no botón Traer para adiante desta barra. Cambia a cor do enchemento do círculo.
  12. Distribución de obxectos. Pulsa Ctrl+A para seleccionar todos os obxectos e abre o menú Modificar > Distribución. Selecciona Horizontal Centro, Vertical Centro e pulsa Aceptar: todos os obxectos distribuiranse horizontal e verticalmente de xeito que a separación entre os centros dos obxectos veciños sexa igual en cada dirección. O resultado debe parecerse a este debuxo: Draw-1.odg.
Subir

2. Crear un fluxograma

  1. Debuxa o seguinte diagrama de fluxo, que representa un proceso que determina o maior de dous números:

    Fig. 1. Fluxograma.

    Fig. 1. Fluxograma.

  2. Seleccionar opcións. Abre o programa desde o menú do escritorio. Axusta o zoom á largura da páxina. Abre a barra de Opcións e activa as opcións Mostrar grade, Guías ao mover e Axustar á grade.
  3. Modificar o estilo. Cambia a tipografía do estilo Predefinido: aplica tipo de letra Bitstream Vera Serif, tipografía Roman, tamaño de 12 pt.
  4. Símbolos de fluxo. Desprende o submenú Fluxogramas da barra de Debuxo e traza os símbolos correspondentes de 5 cm de largo por 1 cm de alto, excepto o símbolo de decisión, que deberá ter 2 cm de altura. Deixa 1 cm de separación entre os símbolos. Empeza a 4 cm da marxe esquerda e a 2 cm da marxe superior.
  5. Escribir texto. Fai dobre clic en cada símbolo e escribe o texto correspondente. Pulsa Esc para rematar a edición de cada símbolo.
  6. Conectores e puntos de colaxe. Abre o submenú do botón Conector da barra de Debuxo e selecciona Conector con frecha no fin. Ao seleccionar esta ferramenta quedarán visibles os puntos de colaxe dos símbolos de fluxo, indicados por catro ou seis pequenas cruces nos seus perímetros. Traza os conectores entre os puntos de colaxe correspondentes.
    Consello

    Para que a liña do conector do símbolo de fluxo co texto "A é maior" saia cara á dereita, hai que inserir un punto de colaxe con saída cara á dereita:

    1. Selecciona o símbolo e usa o zoom para amplialo ben.
    2. Preme no botón Puntos de colaxe da barra de Debuxo: mostraranse os puntos de colaxe predefinidos do símbolo e abrirase a barra Puntos de colaxe.
    3. Preme no botón Inserir punto de colaxe, fai clic enriba do punto de colaxe predefinido da dereita, e preme no botón Dirección de saída á dereita.
  7. Ferramenta de texto. Preme no botón Texto da barra de Debuxo e fai clic enriba ou ao lado das frechas de saída das decisións e escribe o texto. Pulsa Esc para rematar. Axusta a posición do texto en caso necesario.
  8. Selecciona todo e despraza o debuxo cara abaixo ata 5 cm da marxe superior. Preme no botón Texto, fai clic no punto (4, 2), selecciona letra negra de 16 pt, aliñamento Centrado, e escribe o título.
  9. Rectángulo. Traza un rectángulo arredor do título e do diagrama co contorno separado 1 cm e envíao para atrás (usa o botón Dispor da barra de Debuxo). Axusta a liña do rectángulo a 0,10 cm de grosor e cor Gris 70%; como enchemento selecciona Invisible.
  10. Centra o título no rectángulo: selecciona o rectángulo e mailo título e aplica aliñamento horizontal no centro (usa o botón de Aliñamento da barra de Debuxo). O resultado debe ser coma este: Fluxograma-1.odg.
    Consello

    Para seleccionar un obxecto con fondo invisible debes facer clic no bordo ou no texto.

  11. Exportar. Selecciona todos os obxectos. Para poñer o diagrama nun documento de texto, basta con copialo e pegalo (se o queres cambiar de tamaño, pégao como metaficheiro). Para poñelo nunha páxina web exporta a selección en formato PNG.
Subir

3. Crear un organigrama

  1. Crea un debuxo novo, axusta o zoom á largura da páxina e debuxa o organigrama seguinte, que representa graficamente a organización dunha empresa chamada Mobles Martínez:

    Fig. 2. Organigrama.

    Fig. 2. Organigrama.

  2. Rectángulos. Na barra de Debuxo selecciona Formas básicas > Rectángulo e traza un rectángulo de 4 cm de largo e 1 cm de alto desde o punto (6, 6) ao punto (10, 7).
    Consello

    O botón Rectángulo da barra de Debuxo e o botón Rectángulo do submenú Formas básicas crean obxectos de clases diferentes: por exemplo, os primeiros poden ter esquinas redondeadas pero teñen botón Activar/Desactivar extrusión inhabilitado; os segundos non poden ter esquinas redondeadas pero teñen habilitado este botón.

  3. Formato de texto. Co botón dereito selecciona Texto, activa Redimensionar a forma para encaixar o texto e pulsa Aceptar. A continuación, tamén co botón dereito, selecciona Carácter, escolle tipo de letra Bitstream Vera Sans, tipografía Negra, tamaño de 12 pt, cor Castaño 2 e pulsa Aceptar.
  4. Personalizar a táboa de cores. Co botón dereito selecciona Área e abre o separador Cores. Para crear unha nova cor co nome de Verde novo, introduce este nome na caixa Nome e pulsa o botón Engadir: xa temos un lugar ao final na táboa para a nova cor. Introduce os valores R 183, G 255, B 173 e pulsa Modificar. A partir deste momento a nova cor gárdase na configuración do usuario e queda dispoñible en todas as aplicacións de OpenOffice.org. Por último pulsa Aceptar para encher o rectángulo coa nova cor.
    Consello

    A táboa de cores tamén pode personalizarse no menú Ferramentas > Opcións > OpenOffice.org > Cores, accesible desde calquera aplicación de OpenOffice.org. No cadro Área > Cores pódese ademais exportar a táboa de cores usada actualmente ou cambiala por outra diferente. O cambio de táboa afecta ao documento gráfico enteiro.

  5. Extrusión. Para darlle ao rectángulo unha aparencia tridimensional, pulsa no botón Activar/Desactivar extrusión da barra de Debuxo. No botón Iluminación da barra Configuración 3D aplica iluminación desde arriba á esquerda, e no botón Profundidade selecciona 1 cm.
  6. Duplicar obxectos. Selecciona o menú Editar > Duplicar e introduce os valores seguintes, Número de copias 7, Eixo X 0,00 cm, Eixo Y 2,00 cm, Ángulo 0 graos, Largura 0 cm, Altura 0 cm, Inicio Verde novo, Finalizar Verde novo, e pulsa Aceptar.
  7. Texto dos rectángulos. Fai dobre clic en cada forma e introduce o texto correspondente. Pulsa Entrar para saltar de liña nos cadros que teñan máis dunha liña. Pulsa Esc para finalizar a edición de cada rectángulo.
  8. Posición dos rectángulos. Centra horizontalmente o rectángulo de dirección e trata de levar cada rectángulo á súa posición final tendo en conta que enriba do punto medio de cada rectángulo da fila inferior debe quedar un oco para que poida pasar o conector.
  9. Observa que os rectángulos quedan demasiado grandes. Selecciona todos menos o de dirección e reduce o tamaño da letra a 10 pt (menú Formato > Carácter). Axusta a posición e aliña verticalmente os rectángulos das filas inferiores (unha fila de cada vez) usando o botón de Aliñamento da barra de Debuxo.
  10. Conectores. Fai clic nunha zona baleira para eliminar calquera selección e incrementa o grosor da liña a 0,10 cm e selecciona cor Castaño 2 para que estes novos valores se lles apliquen a todos os obxectos novos. Traza un conector desde o rectángulo de dirección a cada un dos outros rectángulos e axusta a posición do trazo horizontal dos conectores que teñen dous ángulos. En caso necesario, reaxusta a posición dos rectángulos.
    Consello

    Usa as frechas do teclado para pequenos axustes de posición dos obxectos.

  11. Fontwork. Para rematar crea un obxecto de Fontwork de forma triangular (Favorito 17), escribe o título con tipo de letra Bitstream Vera Sans Negra, e aplícalle enchemento de Mapa de bits Rede. Centra o obxecto horizontalmente. O organigrama debe quedar aproximadamente así: Organigrama-1.odg.
Subir

4. Crear unha portada de CD

  1. Descarga estas imaxes: Irlanda-1.jpg e Irlanda-2.jpg.
  2. Formato de páxina. Crea un debuxo novo. No menú Formato > Páxina aplica orientación horizontal.
  3. Copiar e pegar. Abre a barra de Opcións e activa a opción Axustar ao bordo do obxecto. Traza un rectángulo de 12 cm de largo por 12 cm de alto pegado as marxes esquerda e superior. Na barra de Liña e enchemento aplica estilo de área Invisible. Pulsa primeiro Copiar e logo Pegar: isto crea un rectángulo novo enriba do rectángulo orixinal. Arrastra o rectángulo seleccionado ata que quede pegado á dereita do rectángulo orixinal.
  4. Posición e tamaño. Selecciona o menú Inserir > Diapositiva para engadir unha páxina nova. Traza un rectángulo estreito para o lombo da caixa do CD pegado ás marxes esquerda e superior, fai clic co botón dereito e selecciona Posición e tamaño, axusta o tamaño a 0,60 cm de largo por 11,80 cm de alto e pulsa Aceptar. De xeito similar, debuxa á dereita un rectángulo máis largo para o dorso e axusta o tamaño a 13,80 cm de largo por 11,80 cm de alto.
  5. Axustar ao bordo. Activa o botón Axustar ao bordo do obxecto da barra de Opcións. Arrastra o rectángulo grande ata que quede pegado ao pequeno. Selecciona o rectángulo pequeno e pulsa Copiar e logo Pegar. Arrastra o rectángulo seleccionado ata que quede pegado á dereita do rectángulo grande. Selecciona os tres rectángulos e aplícalles enchemento Invisible.
  6. Inserir imaxes. Vai á páxina 1 e usa o botón Do ficheiro da barra de Debuxo para engadir a primeira imaxe descargada. Fai clic co botón dereito, selecciona Posición e tamaño, activa a caixa de verificación Manter proporcións, selecciona Largura 12 cm e pulsa Aceptar. Despraza a continuación a imaxe dentro do cadrado dereito, selecciona tamén o cadrado facendo clic sobre o bordo coa tecla Maiúsculas pulsada, fai clic co botón dereito e selecciona Aliñamento > Centro (vertical).
  7. Insire a segunda imaxe na páxina 2, redimensiónaa a 15 cm de largo mantendo as proporcións, desprázaa enriba dos rectángulos, fai clic co botón dereito e selecciona Dispor > Enviar para atrás.
  8. Escribir texto. Vai á primeira páxina, preme no botón Texto da barra de Debuxo, selecciona tipo de letra Bitstream Vera Serif, fai clic enriba da foto e escribe Viaxe á Irlanda. De xeito similar, escribe Xullo de 2006 debaixo da foto. Axusta manualmente a posición vertical dos textos, selecciona os textos e a foto, e centra horizontalmente os obxectos.
  9. Protexer posición. Vai á segunda páxina, selecciona todo, fai clic co botón dereito, selecciona Posición e tamaño, activa a caixa de verificación Protexer posición e pulsa Aceptar. Pulsa Esc para eliminar a selección, preme no botón Texto da barra de Debuxo, fai clic dentro da foto, selecciona tamaño de 11 pt, estilo Negra e cor branca, escribe Viaxe a Irlanda: xullo de 2006 e pulsa Esc para rematar.
  10. Rotar texto. Co texto seleccionado pulsa Copiar e Pegar, arrastra a texto para separar a copia do orixinal, co botón dereito selecciona Posición e tamaño, Ángulo de rotación 90,00 graos, e arrastra o texto ao lombo esquerdo. Rota 270º o outro texto e lévao ao lombo dereito. Por último selecciona cada texto e o rectángulo no que está inscrito e céntraos vertical e horizontalmente.
  11. O documento rematado debería quedar así: CD-1.odg.
Subir