Introdución
Estas páxinas conteñen os materiais dun curso práctico de iniciación a OpenOffice.org. O obxectivo é aprender a usar os diferentes módulos do programa mediante a realización de tarefas típicas dunha suite ofimática: redactar cartas, elaborar orzamentos, debuxar organigramas, etc.
Non se dan moitas explicacións, polo que deberás pór bastante da túa parte e facer uso da axuda do programa e das guías a fin de resolver as dificultades que se che presenten.
Se tes presa por empezar e xa tes o programa instalado vai á páxina de Writer, o procesador de textos: nela trátanse temas comúns a todos os módulos de OpenOffice.org e, en xeral, se dan máis explicacións, polo que se recomenda completar as súas actividades antes de pasar aos outros módulos.
Que é OpenOffice.org?
OpenOffice.org é unha suite ofimática de software libre e código aberto desenvolvida por Sun Microsystems (os creadores da omnipresente linguaxe Java) en asociación coa comunidade. Está baseada na suite StarOffice, que foi adquirida por Sun Microsystems ao seu creador orixinal, a empresa alemá StarDivision, en 1999. Podedes obter máis información sobre OpenOffice.org en Wikipedia, así como nas súas sedes electrónicas oficiais:
OpenOffice.org consta das aplicacións seguintes:
- Writer: procesador de textos
- Calc: programa de folla de cálculo
- Impress: programa de presentacións
- Draw: editor de gráficos vectoriais
- Base: base de datos
- Math: editor de fórmulas matemáticas e científicas
OpenOffice.org pretende ser unha alternativa a Microsoft Office, pero non pode ignorar que esta última é líder indiscutida do mercado. Por esta razón, ofrece un grao moi elevado de compatibilidade para que os seus usuarios non teñen problemas á hora de compartir documentos e traballar conxuntamente con usuarios de MS Office.
Descarga e instalación
Segundo as túas preferencias, podes descargar OpenOffice.org en galego ou castelán desde as páxinas seguintes. Hai versións para Linux, Windows e Mac OS X.
En Windows
Descarga e executa o ficheiro de instalación localizado na túa lingua. Para cada lingua hai dous ficheiros de instalación alternativos. O ficheiro wJRE inclúe o Contorno de Execución de Java (JRE). Instala este último ficheiro a menos de que esteas seguro de ter xa instalada no PC unha versión recente do JRE.
Unha vez instalada a aplicación, podes instalar a tradución a outra lingua descargando e executando o ficheiro langpack correspondente. Non é necesario instalar ningún se só queres ter o programa nunha lingua.
En Linux
O máis fácil é usar os paquetes da túa distribución, que seguramente xa tes instalados. En caso de problemas, desinstálaos, descarga os arquivos cos paquetes RPM ou DEB oficiais do proxecto OpenOffice.org e instala estes paquetes.
Guías oficiais do proxecto OOoAuthors
- OpenOffice.org User Manuals (orixinais en inglés)
- Guía de comienzo (tradución ao castelán)
- Manual oficial de uso de OpenOffice (tradución ao galego)
